Ola amigas 🤍
A nostalxia está no ambiente ou é cousa miña? A semana pasada fun á presentación do novo disco de Ataque Escampe e verme rodeada de caras coñecidas cantando cancións que levo escoitando máis dunha década -dura afirmación- sentiuse coma unha viaxe de tempo e un fin de ciclo e ao mesmo tempo. Cando tocaron inesperadamente a favorita da miña amiga Laura, Orde e Progreso, falabamos de coma o noso disco de cabeceira do grupo sempre sería O Disco Vermello, opinión estendidísima en todo o meu entorno. Ao saír da sala Capitol deume por buscar en que ano saíra este disco e ao ler 2014 a miña reacción foi pensar “por suposto”. Cada vez que boto a vista atrás teño a sensación de que se repite ese número por todas partes, había algo no aire.
Pasou moito tempo xa dende 2014, foi o ano no que se fundou Podemos, no que desapareceu aquel avión de Malaysia Airlines e no que o iPhone 6 era o máis novo do mercado. Contado así parece que fai unha eternidade -pasan moitas cousas todo o rato, pero é que en 2014 faltaban dous anos para que chegasen os Stories a Instagram!!!- pero cando falamos de produtos culturais xuraría que foi fai dous días.
Musicalmente? Este ano chegou arrastrando un momento imbatible para pop e rock alternativos con portadas en branco e negro. Na segunda metade de 2013 saíron o Pure Heroine de Lorde, o AM dos Arctic Monkeys, o debut homónimo de The 1975 e o Reflektor de Arcade Fire. Empezou 2014 e con el chegou o Ultraviolence de Lana del Rey e -por engadir alguhas portadas con cor- o Salad Days de Mac Demarco, o Burn Your Fire for no Witness de Angel Olsen, o homónimo de St. Vincent ou o I Never Learn de Lykke Li. Tamén foi o ano no que debutou FKA Twigs e no que Taylor Swift publicou 1989 e o pop nunca volveu ser o mesmo. En xeral era todo moi pero que moi intenso.
Por suposto pasaban máis cousas, Swans estaba sacando To Be Kind, Charli XCX empezaba a entrar mainstream e a canción do verán foi Happy de Pharrel -ew isto último-, pero permitídeme xogar coa memoria e falar exclusivamente do que sosteña o que intento argumentar. Ese verán fun por primeira vez ao Paredes de Coura e o cartaz daquela edición é claramente doutra época (ou do FIB na actualidade).
Tamén era un momento ideal para ser unha xovencísima cinéfila indie impresionable. En 2013 fundouse a24 e déronse a coñecer con cousas coma Spring Breakers ou The Bling Ring -para as rebeldes- e ne 2014 estreáronse Gran Hotel Budapest de Wes Anderson e God Help The Girl de Stuart Murdoch de Belle and Sebastian -para as riquiñas-. Esta dicotomía era unha constante -ou así a sentía naquel momento- e eu persoalmente era unha rapaza indecisa que comía todo con patacas e quería ser un pouco todo á vez.
Na televisión estabamos na mesma, no post anterior dicía que as rapazas millennials queriamos ser Effy de Skins ou Jess de New Girl, a primeira rematou de emitirse en 2013 e a segunda tivo a súa temporada máis exitosa nese mesmo ano. Effy e Jess son a encarnación das dúas estéticas fundamentais do momento, respectivamente o soft grunge e o twee, os dous arquetipos ao arredor dos que gravitei toda a miña vintena e -se nada cambia nos próximos anos- os que seguirei tendo coma referentes na trintena.
Viñamos do indie sleaze, aquel estilo da era Fotolog dos inicios dos 2000, no que todo o mundo parecía estar sempre de festa e a idea era mostrar que non te esforzabas en absoluto no teu aspecto -pero esforzándote moito-. As iconas eran xente coma Kate Moss, as xemelgas Olsen ou Sky Ferreira co pelo permanentemente alborotado, se queredes afondar máis nese universo esta conta de Instagram é perfecta.
Despois disto chegou ese momento na historia que foi o soft grunge, tamén coñecido como estilo Tumblr 2014, vidas cambiaron neste momento. Saias de tenista ou skater, Dr Martens, calcetíns altos, medias fantasía, aquela camiseta do alien (eu tíñaa en rosa), converse negras, pantalóns apretados, camisetas de grupos, chokers… Podería seguir así un ano, sabedes do que estou falando. Todo isto sería un paraíso se estar triste, matarse de fame, sentirse diferente -calafríos pensando nas camisetas de normal people scare me- e sexualizarse en Internet non fosen unha parte tan importante da ecuación. American Apparel e as súas campañas polémicas dominaba sen competencia esta estética e precisamente en 2014 eles mesmos marcan o inicio do fin cando cesaron ao seu fundador Dov Cherney por acusacións de acoso sexual cara empregadas. Quen podía imaxinar que o tío que sexualizaba a rapazas de aspecto infantil para publicitar a súa marca e que xa tivera mil polémicas sexistas ao longo dos anos ía a acabar así? Pois todo o mundo.
O reverso de todo isto foi o Twee. Bailarinas, medias de cores, estampados de puntiños, pescozos avultados, cores pastel saturados, Mary Janes, cardigans, vestidos moi estreitos no torso e con volume na cadeira, lazos no pelo… Todo moi feminino, moi romántico e moi retro. A súa representante número 1 era Zooey Deschanel -e o sigue sendo- pero este estilo tamén lle deu moi forte a xente coma Alexa Chung ou Taylor Swift. Este capítulo do podcast Nymphet Alumni cóntavos con detalle de que ía o asunto.
Son estéticas moi distintas pero nalgúns aspectos moi semellantes. Unhas levaban o pelo de cores e outras unha diadema, unhas sacaban fotos fumando e outras tocando o ukelele, unhas facían tatuaxes e outras mercaban aguacates orgánicos… Pero se buscas os referentes só atoparas mulleres brancas extremadamente delgadas tratando de acomodarse á mirada masculina. Supoño que dicir isto é unha obviedade pero penso que ás veces esquecemos o forte que era ser unha rapaza adolescente fai uns anos, recordos de Vietnam.
Agora a pregunta é, está de voltatodo isto?. Escribindo este post atopei artigos de 2022 dicindo que están en camiño de novo o indie sleaze o twee e o soft grunge -e seguro que se escribise sobre outra cousa tamén estaría volvendo- todas á vez. O ritmo do mundo cambiou e en dous días estaremos falando doutra cousa pero o innegable é que neste preciso momento nas tendas de Inditex volve a haber bailarinas e eu estou contentísima das implicacións disto. Ademais esta semana empezou a rumorearse que Taylor Swift e Matty Healy de The 1975 están liados e literalmente isto xa pasou en 2014.
A memoria é moi pouco de fiar e faime lembrar moi recorrentemente aquel tempo pero se o penso un pouco sei que todo isto é un exercicio de autoengano. 2014 foi realmente o meu último ano de adolescencia, o ano no que cumprín os vinte, o ano no que estaba inmersa na vida universitaria e aprendendo a ser independente. Pregunteille á miña nai se tiña algún recordo destacado de 2014 e díxome que tería que facer memoria, para ela foi un ano máis e se eu nacese cinco anos antes ou cinco anos despois para min tamén o sería e este post iría sobre outra cousa. Se os meus amigos e máis eu nacésemos cinco anos antes ou despois pode incluso que o noso disco favorito de Ataque Escampe fose outro. De todas formas penso seguir autosuxestionándome e defendendo que nunca nada volveu a ser igual dende aquel momento.
Esta semana C. Tangana sacaba unha canción para celebrar o quinto aniversario do EP de Avida Dollars e mentres el facía ese exercicio de nostalxia eu pensaba que non queda tanto para o décimo aniversario do seu 10 /15, un traballo que para min marca o inicio dun novo ciclo: rematar a universidade, dicirlle adeus a Tumblr e que todo sexa un pouco máis complexo. Non pasa nada, sigo tendo unha saia de tenista de American Apparel nos favoritos de Vinted e ti tamén deberías.