Ola!
Inauguro este espazo para falar de movidas. Son unha persoa con moi pouca iniciativa e aínda menos constancia así que para intentar que dure vou a mantelo simple. Estou a tope con esta nova idade de ouro dos blogs e a idea é vir aquí cada dúas semanas a falar de cousas que me interesan, recomendar, opinar, o que sexa. Basicamente soltar todas as ideas que teño para que os meus amigos non se traguen constantemente monólogos interminables. Algunhas veces serán moitas, outras serán poucas e case sempre serán cine, musica, memes, roupa e en xeral temas de persoa que pasa moito tempo en internet. Por exemplo:
Temos un problema co dos ricos sufrindo. Debo ser a única persoa que queda en internet por falar disto pero que está pasando coas películas e series de ricos sufrindo?. Só neste ano The Menu, Triangle of Sadness, Glass Onion, White Lotus... A nova fórmula de ouro parece ser protagonistas privilexiadísimos súper caricaturizados que se enfrontan a situacións desagradables. Non me vou a facer a chula, tragueime todo o contido que saíu deste estilo e paseimo xenial facéndoo pero coa maioría quedei coa sensación de acabar de consumir un produto baleiro e repetido ata a saciedade. Pouco que aportar porque outra xente escribiu moito e moi ben sobre o tema pero pola parte que me toca penso que a única forma de facer isto ben é deixar as criticas descafeinadas ao capitalismo e esforzarse en construír personaxes interesantes cos que o público poda empatizar (ehem, Succession vai a ser o tema que saia en cada entrega desta newsletter mentres dure). Ricos interesantes ou cero ricos por favor.
Falando de ricos interesantes, estou vendo Gossip Girl por enésima vez. Pouco que dicir ao respecto, é a miña serie de comfort, ten todo o que me gusta e envelleceu de maneira impecable se decidimos ignorar algunha que outra trama escandalosamente ofensiva (Chuck Bass estouche mirando a ti). Nesta ocasión o que me está obsesionando é a banda sonora, despois de pasarme os primeiros capítulos sacando o Shazam cada 15 minutos decidín renderme, buscar unha playlist e asumir que non escoitarei nada máis en semanas. Só na primeira tempada sonan Nelly Furtado, Cristal Castles, LCD Soundsystem, Timbaland, Rihanna... É unha perfecta cápsula do tempo, concretamente dun tempo que estou decidindo idealizar. Fortísimos tamén os concertos que se van vendo na serie (aos que ningún personaxe lles da importancia facéndoos mil veces máis divertidos) Sonic youth? Florence + The Machine? No Doubt? Robyn?? St vincent?? Lady Gaga???? Unha pasada 10/10.
Estes días penso moito nas amigas de internet. A pesar de ter un tempo de pantalla diario ridículo, sempre tiven un papel bastante de espectadora nas redes sociais e envexei secretamente aos que que formades vínculos ou incluso amizade de forma tan pública e aparentemente desenfadada. Agora por fin atopei o meu nicho e ese nicho son os likes dos stories de instagram, pero só algúns moi concretos. Teño un pequeno grupo de xente que a grandes trazos obedece a esta descrición: amigas de amigas ou persoas coas que coincidín en contadísimas ocasións coas que non falo nunca (algunhas incluso coas que non o fixen na vida) pero coas que comparto intereses, humor ou ambas. Doulles like aos seus memes, elas danlle like aos meus, xa está. Un día moi atrevido podemos preguntarnos de onde é ese xersei ou que libro é ese que estás lendo pero non pasará de tres frases e un par de corazóns de cortesía, é perfecto. Nunca volo diría porque facéndoo estaría poñendo en risco este delicado equilibrio pero se algunha está lendo isto saberá que falo dela, considerádeo a miña declaración de amor, sodes as miñas mellores amigas de internet <3
Ata aquí por hoxe, se isto o lee alguén pois xa que me conte, moito amor para ti se chegaches ata aquí.
PD: Aproveito para dicir que o mes que ven vou a Londres e acepto recomendacións de todo tipo!.
PD2: O nome da newsletter é o da personaxe de Meg Ryan en You’ve Got Mail, a chica de internet definitiva (viva Nora Ephron sempre).
chao 💌