Ola caris 🌷
Non debe quedar nin un ser humano co que me cruzase no último mes por ser informado pero a semana pasada estiven no Festival de Cannes e veño a contar cousas.
A primeira é que calquera persoa pode ir, cousa que descoñecía ata que vin a un rapaz en Twitter que acababa de ser acreditado (cousa que non chamou a miña atención) e que todo o proceso se facía rapidísimo (cousa que chamou poderosamente a miña atención). Total, vinte minutos máis tarde tiña unha carta de motivación redactada que se pode resumir en “encántanme as pelis Sr. Cannes”, a peor foto coñecida polo home sacada coa cámara do ordenador -absoluto erro porque resultou ser a foto da acreditación que tiven que levar colgada todo o Festival- e a solicitude enviada. Cero esperanzas postas no asunto e un mes despois estaba acreditada, se a alguén lle interesa aplicar nun futuro e ten algunha dúbida teño os dm abertos de par en par.
O meu tipo de acreditación permitíame a tres días de acceso ao Festival e tendo en conta o ritmo no que se vive non sei se sería capaz de sobrevivir moito máis. Cannes é, antes que calquer outra cousa, un pesadelo loxístico no que -se es coma min e queres aproveitar os minutos- comer, durmir e outras funcións vitais básicas pasan a un segundo plano. Os acreditados non profesionais nin prensa son unha porcentaxe moi pequena do público do festival e son os que máis dificultades teñen para conseguir entradas para determinadas proxeccións -hai moitas salas repartidas pola cidade pero a experiencia Cannes é ir ao Palais des Festivals para sentirte glamurosa- e o máis normal é que acabes correndo dun lado a outro para cambiar de sala entre película e película ou que pases gran parte do teu día metida nun cine enorme que montaron ás aforas da cidade e que está reservado para a plebe do Festival.
A idea de acudir á estrea dalgunha das películas en competición se ben é moi tentadora require moita dedicación, conseguir entradas coma non profesional é -ou parece- imposible pero para cada proxección existe a opción de facer cola e probar sorte xa que sempre se cobren os sitios que quedaron baleiros. Agora ben, hai que ter moita paciencia ou saber escoller as túas guerras porque estamos falando de moitas horas, coñecín a un rapaz que dedicou dezaseis horas de Festival a facer cola para intentar entrar na estrea da película nova de Scorsese -conseguiuno-. É importante ter en conta que para esas proxeccións hai unha norma de etiqueta moi estrita que leva sendo polémica toda a vida e que ano tras ano da algún titular ridículo. Total, que se queres estar no meollo preparate para vestirte de gala de madrugada e botar o día baixo o sol (e nada disto ofrece ningunha garantía). Eu non teño paciencia para todo esto pero si puiden ir a dúas estreas, a de Cerrar los Ojos de Victor Erice que ía fora de competición e Los Colonos de Felipe Galvez que participaba na sección Un Certain Regard, e aquí entra o tema dos aplausos.
A xente está absolutamente tola co tema aplausos, apláudese en cada proxección ao empezar, apláudese a cada nome de productora, patrocinadores… A todo. Se vas a unha estrea ademais de todo isto apláudese moito ao final -moito!-. Todos os anos se fala dos minutos de duración das ovacións das estreas de Cannes coma se fosen un indicador de algo e non unha cousa absolutamente rutinaria. En xeral sentino coma unha cousa bastante ridícula durante todo o festival pero cando lle tocou a Cerrar los Ojos pareceume completamente emocionante e case acabo chorando, unha ten os seus días.
A realidad que se construe en Cannes durante esos días é fascinante pero a moitos niveis tamén ridícula e por momentos deprimente. Atoparte nesa burbulla de luxo, moda e fama é abrumador por momentos e é importante non esquecer tamén é unha institución tremendamente arcaica e problemática. Este ano houbo dúas situacións que o volveron a demostrar, acompañádeme no meu enfado.
A primeira a prohibición de protestas na cidade durante os días do festival, Francia está levantada contra a reforma das pensións e o retraso da idade de xubilación. Se lle preguntas á organización responderanche que é unha cuestión de seguridade, se o fas ao representante do sindicato de traballadores a resposta é moi distinta. “Aside from the pension reform, we’re also denouncing the way women are treated in the film world, but they don’t want us to stain the glittery image and standards of the Cannes Film Festival,”
Esto nos leva á segunda, Cannes e as mulleres, as mulleres e Cannes. Antes de empezar esta edición a actriz Adèle Hanel publicou unha carta aberta na que acusaba á industria do cine frances de protexer sistemáticamente a agresores sexuais e ao Festival de Cannes de ser cómplice histórico do abuso das mulleres no cine. Non é a primeira nin será a última. A resposta do director do Festival foi a que todo o mundo podería esperar, negar en rotundo e para adiante. Sería máis crible se a película inaugural deste ano non fose Jeanne du Barry, dirixida por Maïwen -famosa polo seu posicionamento contrario ao movemento MeToo e por agredir a un xornalista entre outras cousas e protagonizada por ela mesma e -redobre de tambores- Johnny Depp. Por suposto a este último recibírono cunha ovación. Unha autentica declaración de intencións, concretamente das peores intencións que se poden ter. Á entrada do Palais, unhas rapazas repartían estes papeis, se algo é Cannes é un recordatorio constante de que tanto alí coma no mundo existen dúas realidades moi diferenciadas.
AS PELIS
Despois de toda esta leria haberá que falar de películas. En 72 horas conseguín ver 13 (12 e media porque dunha que permanecerá no anonimato acabei saíndo á metade). As catro primeiras encantáronme, as seis seguintes deixáronme bastante fría e as tres últimas resultáronme insoportables.
May December, Todd Haynes
A primeira película que vin no Festival, minutos despois de baixar do tren, o autobús chegaba tarde e tiven que correr máis que en anos, quedoume media bailarina atrás, cheguei case descalza, co estómago baleiro e asfixiada e pagou a pena 100%. Julianne Moore, Charles Melton e Natalie Portman están espectaculares, entrei sen saber nada só guiada pola confianza cega que lle teño a Todd Haynes despois de Carol e creo que é a mellor forma de desfrutala polo que vou a limitarme a dicirvos que a vexades.
Fallen Leaves, Aki Kaurismaki
As películas de Kaurismaki ofrécenche unha serie de garantías: van a durar o que ten que durar unha película -sobre 90 minutos- e van a ter xente fumando, musica excelente e se es coma min vas a rir en alto varias veces. Cero apuntes simplemente unha experiencia fantásica (e levou o premio do xurado, a última cousa que me esperaba porque Ruben Östlund era o presidente e é basicamente o seu reverso malvado).
Cerrar los Ojos, Victor Erice
Estou convencida de xa hai algún artigo dalgún señor insoportable chamándolle a esta película “unha carta de amor ao cine” e aínda que atente contra os meus principios coincidir con ese tipo de xente o certo é que me marabillou. Unha película moi longa que se fai curta e que parece que che vai a levar por un sitio e logo lévache polo contrario e na que pasas dun thriller a unha historia de amizade sen case darte nin conta. José Coronado está espectacular e a proxección foi con diferencia a máis emotiva das que fun -neste caso aplaudiuse a Canal Sur e abucheouse a Tele Madrid, todo moi divertido-. Nesta casa somos Ericistas e celebramos. Todo era precioso ata que ao día seguinte da estrea Victor Erice publicou esta carta no País e descubrín que non lle deixaran participar en competición. Cannes non me deu tregua nin un minuto de estar enfadada.
Anatomie d’un Chute, Justine Triet
Fun un pouco de casualidade e acabou sendo a gañadora da Palma de Ouro. Dúas horas e media de thriller xudicial? Exactamente o meu tipo de movida póñame cinco. Non acabo de entender que fose a gañadora pero o certo é que é súper absorbente, está súper ben actuada e este temazo sona un montón de veces cousa que me fixo moi feliz.
Aquí as outras nove:
Pasaron moitas máis cousas, estiven nunha charla de Scorsese -forte- tiven un minuto de conversa con Jim Jarmusch -súper forte- coñecín a mil xente encantadora de países moi diversos e marchei coa sensación de que esta experiencia é o máis parecido que podes sentir na vida adulta a estar nun campamento. Podería seguir alongando isto e estou segura de que nalgún momento me arrepentirei de esquecer algo pero por hoxe chega ben, o ano que ven son demasiado maior para pedir a acreditación á que accedín este ano pero xa estou buscando alternativas, acepto compañeiras de viaxe.
Adeu 💋