Ola amigas 💝
Semanas raras, poucas ganas de dar a chapa. Mentres os temas dos que quero escribir van acumulándose na app de notas a miña capacidade de concentración parece non pasar polo seu mellor momento. Estes días pensei moito na produtividade e sobre todo na culpabilidade por non producir, en que significa verdadeiramente perder o tempo –cantas máis voltas lle dou máis ridícula me resulta a expresión- e tamén en se me refuxio nestas ideas para desculpar a miña falta de constancia. Sexa como sexa estamos aquí outra vez, a medio gas pero estamos.
Pode que un dos motivos desta desgana e de que todo pese ao meu arredor é que esta semana lin A little life de Hanya Yanagihara. Facía moito que non me sentía absorbida desa maneira cunha lectura, recuperar esa sensación de ler ata o esgotamento deixoume o corazón quentiño. Por outra parte a historia é preciosa –segue a vida de catro amigos dende que se coñecen na universidade e fala da amizade nuns termos que me fascinaron- pero tristísima ata niveis infernais –todos os trigger warnings do mundo-. En fin, oxalá montar un club de afectados, sería un club enorme pois leva máis dun millón de copias vendidas, déixovos un fragmento que me gustou para ver se queredes unirvos:
Nos ratiños entre capítulos estiven vendo desfiles das coleccións do outono que ven da Semana da Moda de París. Atopo algo de emocionante e relaxante á vez en ver en ver estes despegues de luxo e creatividade e, coma persoa que sabe pouco ou nada de moda a eses niveis, a miña experiencia é 0% analítica e 100% pracer estético: recomendadísimo. O meu favorito dos vistos ata agora foi o de Miu Miu (no que ademais desfilou a miña queridísima Ethel Cain). Podedes ver a colección completa aquí.
Cando quero aprender, as miñas persoas favoritas para explicarme cousas sobre moda son as rapazas listísimas e novísimas do podcast Nymphet Alumni. En cada capítulo afondan nalgunha estética ou tendencia -algunhas moi recoñecibles coma o fenómeno American Apparel, outras que habitan case na súa totalidade en internet coma o Russian Bimbocore- dunha maneira desenfadada pero rigorosa, acompañada de referencias visuais e incluso artigos académicos, unha gozada. Elas son responsables de acuñar o termo Blokette, unha fantasía da que vos veño a falar a continuación.
Blokette é, en resumo, a conxunción entre os estilos bloke core (estilo de hooligan inglés noventero-dousmilero ou de Bellerín na actualidade: camisetas e bufandas de fútbol, adidas samba, vaqueiros rectos) e coquette (rapaza que escoita Lana del Rey feita estética: lazos, perlas, telas vaporosas, siluetas hiperfemininas, satén, cores pastel)
A combinación destas dúas tendencias ten un resultado divertidísimo e levo meses maldicindo á Sara do pasado por tirar as camisetas de fútbol que nalgún momento da súa adolescencia coleccionaba coma souvenirs de viaxes -que risa- e agora verme obrigada a recorrer a Vinted (ou a que alguén me venda as súas, escoito ofertas).
Agora só queda esperar que as camisetas de fútbol sexan as novas camisetas de grupos, como alguén veña a preguntarme o nome do porteiro suplente da Real Sociedade non respondo dos meus actos. Se queredes máis referencias visuais aquí está o taboleiro de Pinterest que acompaña ao episodio.
Ata aquí por hoxe, deixovos cos meus memes favoritos da semana que tratan de convertirse e cerva (teño Instagram invadido pero os desta conta foron os que máis me gustaron, confirmademe por favor que non é só cousa miña) 🦌
Vémonos pronto caris 🌻
PD. Esta noite é a gala dos Oscars, se alguén quere empezar fatal a semana por quedarse a velos ata as tantas que avise e comentamos.