Amigas! 💝
Estamos de volta, sorprendida e agradecida coa resposta que recibín coa primeira newsletter e cunha lista longuísima nas notas do móbil de temas que tratar. Escríbovos no salón da casa dos meus pais mentres eles traballan nos seus respectivos ordenadores, isto parece un coworking familiar, sen ser nós nada diso. Ao lío:
Empecei o ano (outra vez) dicindo que os Óscars están desfasados, que as galas son un horror, que a Academia é basicamente a encarnación de todo o malo que lle pasa ao cine e que non hai que darlle ningún tipo de valor a uns premios que parecen celebrar a mediocridade. Pero a cabra tira o monte e esta semana saíron os nomeamentos deste ano e teño catro cousas que dicir:
É o ano de a24 and I’m here for it. Esta distribuidora parece a responsable directa da popularización dun tipo de cine, unha determinada estética e, en xeral, de que moitas películas que vemos nos parezan a mesma. Pensade e luces de neon ou colores pastel saturados, en películas de terror sen sustos, en comedias con guións longuísimos e xente que fala moi rápido e din cousas que parecen saídas de twitter, en personaxes fora do canon coma protagonistas –normalmente xunto con algún actor moi recoñecido en contraste- e en bandas sonoras intensísimas e melancólicas. Homoxeneización e falta de ideas ou un estilo definido? Son eles responsables de que o estándar no cine indie sexan películas que intentan parecerse ás súas?.
Cada vez máis enfocada ás labores de produción en pouco máis dunha década é unha das voces que dita o tipo de cine que vemos. Tamén é unha máquina de facer cartos de forma cuestionable… Todo o rato. A pesar das miñas reticencias cara o seu modelo moitas das miñas películas favoritas dos últimos dez anos son de a24, o seu podcast ten episodios divertidísimos e se me sobrasen os cartos compraría moito dese merch ridículamente caro. Este ano son o estudio que opta a máis premios (18!) e, a falta de ver The Whale (coa que teño moitas dúbidas), encantadísima con que arrasen con todo. O resto de candidatas: Everything Everywhere All at Once, Aftersun, Close, Causeway e Marcel the Shell With The Shoes On, entran na categoría de películas que me fixeron chorar a moco tendido e aínda que non todas me parecen merecedoras de premios teñen a miña simpatía.
Se vistes Tár, lede por favor este artigo tan divertido.
Oscar nominee Mitski Miyawaki! Posiblemente o que máis me importa desta edición, ninguén o fai coma ela. Correde a escoitar a canción preciosísima que fixo para Everything Everywhere All at Once xunto a Son Lux e David Byrne e despois a outra canción preciosísima que fixo para After Yang pola que tamén debería gañar un Óscar.
Unha desas películas de ricos sufrindo das que falei fai 15 días podería gañar o premio a mellor película e non me importaría en absoluto. Trátase de Triangle of Sadness de Ruben Ostlund, unha das experiencias máis divertidas que tiven nun cine o ano pasado –penso semanalmente entre risiñas na escena inicial na que uns modelos teñen que posar alternativamente coma se estivesen facendo campañas para H&M e Balenciaga-. A pesar de estar firmada por un deses señores do cine que parecen esforzarse en ser insoportables, encantoume. Suando xa polas 800 películas iguais (peores) que aparecerán no remoto caso de que gañe. Canallada pura, non a vexades despois de comer se sodes xente sensible.
Ata aquí o contido dos Óscars, encantada de saber as vosas opinións, os títulos dos que non falo aquí son en xeral películas que me importan ou interesan menos pero quero saber todas as vosas impresións e estou dispostísima a poñer a parir a algunhas (Blonde), falar do absurdo dalgún nomeamento (Andrea Riseborough) ou da broma de mal gusto que é que Brad Pitt produza non unha se non dúas películas sobre violencia contra as mulleres (que pouquísima vergoña) se vos apetece.
Como xa me estendín de máis con este tema ao que dixen que non lle daría importancia vou acabando. Pero antes unha lista de cousas que me fixeron feliz estes días:
O novo disco de Dano. Totalmente fora da miña zona de comfort falando de rap, simplemente un tio super guai, unhas colabos chulísimas e a persoa coa conta de instagram máis bonita que coñezo: celebramos.
Esta lista de INS and OUTs dun libro de Miss Piggy. Todo criterio.


A colección de Heaven by Marc Jacobs x Wong Kar Wai. Son consciente de que magnifico isto porque me encanta a marca e é un dos meus directores favoritos pero flípame todo e oxalá poder tirarlles sacos de cartos.
O remix de Welcome to my Island de Caroline Polacheck con Charli XCX. E tamén este video de Caroline comendo spaghettis. Very high camp.
Agora si, acabouse. Grazas outra vez a todas as que me escribistes estes días, ás que lestes, ás que vos subscribistes… Que ilusión compartir isto. Desta volta foi máis longo e hai moitos máis enlaces a cousas, espero as vosas opinións, irei facendo probas ata atopar un formato no que me sinta cómoda ao que me intentarei cinguir.
PD: Saíu o trailer da temporada 4 de Succession, DMs abertos de par en par para quen queira comentar que fai Kendall Roy outra vez ao lado dunha masa de auga de grandes dimensións.
PD2: Tamén saíu o videoclip de Lavander Haze de Taylor Swift e teño cero enerxías para buscar easter eggs, se hai algunha swiftie máis motivada lendo esto que rule esa info.
Ata pronto caris 🌾💐🌸🌼🌷🌹🥀🌺🌻