Ola amigas 🤗
Novembro é o meu mes preferido: a mellor luz, a mellor comida, a mellor roupa, as mandarinas e granadas de tempada... E a miña cousa preferida do meu mes preferido é Cineuropa.
Cineuropa é unha cita ineludible para min dende fai moitos anos (prefiro non contar cantos), o lugar no que coñecín algúns dos que hoxe son os meus directores e películas de referencia pero tamén un lugar de encontro, botando a vista atrás podo verme acudindo ás proxeccións acompañada de amigas de agora e de antes, antigos mozos, familiares: a radiografía do meu paso por Cineroupa é tamén a da miña vida en Compostela. Nas butacas do teatro principal chorei coma unha tola, rin ata quedar sen aire e acabouse de formar o amor que hoxe sinto polo cine. Non é un festival perfecto, pero é o meu festival.
Inspirada por este post da fantástica newsletter de Valeria -á que, para pechar o círculo, coñecín cando ambas formamos parte do Xurado Novo de Cineuropa en 2019- na que comparte a súa selección de artistas para o WOS 2023 eu veño a facer o propio e dicirvos que pelis non me perdería este ano.
10 peliculiñas para gastar o voso bono:
ANATOMIE D'UNE CHUTE, Justine Triet
Xa falei dela no seu dia -o seu día: cando a vin en maio-. Gañadora da Palma de Ouro, imperdible se a túa movida é, coma a miña, os thrillers de xuízos. O calvo do tweet do inicio deste post convertirase no teu inimigo natural. Pouco máis que dicir, eu fun sen saber nin de que ía e paréceme a mellor forma de enfrontarse a ela, estará solicitada osea que se queres vela non o penses moito coas entradas.
KUOLLEET LEHDET, Aki Kaurismaki
Outra das miñas favoritas de Cannes -máis sobre isto aquí- polo que non me estendo: unha película divertida, de duración perfecta, aesthetics, compromiso político, temazos, pitis, teno todo.
PERFECT DAYS, Wim Wenders
Quedeime sen entrada en Cannes sen demasiada pena porque as últimas películas de Wenders parecéranme un desastre. E aliñaronse os astros porque cada persoa que tivo a oportunidade de vela coa que coincidín faloume marabillas. Agora teño o hype pola nubes porque son unha persoa influenciable. O trailer deixa entrever unha película minimalista e tenra sobre o cotiá dun home que traballa e vive en Tokio, bastantes ingredientes para ser forte candidata a maiores lagrimóns desta edición.
ANSELM - DAS RAUSCHEN DER ZEIT, Wim Wenders
Máis Wim Wenders, esta vez en formato documental e falando do artista neoexpresionista Anselm Kiefer. Non sei que esperarme aquí pero Kiefer encántame e morro de curiosidade.
HOW TO HAVE SEX, Molly Manning Walker
Coming of age de tres adolescentes británicas de viaxe en Creta, vanse a a desfasar, a beber, a ligar e tamén a enfrontarse por primeira vez ás presións ligadas a inicarse na súa vida sexual. Pintaza.
AKU WA SONZAI SHINAI, Ryusuke Hamaguchi
Drive my car fascinoume polo que calquer cousa que fixera Hamaguchi entraba na lista si ou si. Esta vez fala das tensións entre unha familia nun pobo ás aforas de Tokio e os empresarios que lle queren montar un glamping ao lado, e provocar un desastre ecolóxico de paso, moi prometedor.
RIDDLE OF FIRE, Weston Razooli
Nenos monísimos facendo trastadas. Ver unha película estadounidense en Cineuropa síntese alta traizón pero o certo é que ten boa pinta.
LA CHIMERA, Alice Rohrwacher
Outra que me quedei sen ver en Cannes e pola que levo rabeando dende entón. Alice Rohwacher xa me deixou tola con Lazzaro Felice pero esta vez ademais fala de saqueo arqueolóxico e ten a Isabella Rossellini de protagonista. Non podo pedir máis, simplemente perfección.
LA PASSION DE DODIN BOUFFANT, Tran Anh Hung
Outra cita pendente dende Cannes -última mención a ese festival do inferno, prometido- non sei como de boa será pero a priori ten dous elementos que sempre serán atractivos para min: historia de amor e xente cociñando. Ademáis a que cociña é Juliette Binoche osea 10/10.
VINCENT DOIT MOURIR, Stéphan Castang
Thriller apocalíptico no que persiguen a un tío sen parar e sen motivo aparente. O trailer promete bastantes risas e hai que ver algo divertido e desenfadado en cada edición para que non se che poña cara de filmbro, que de aí non se sale.
Ata aquí por hoxe, teño algunhas máis no tinteiro pero chega un punto no que continuar escribindo sobre películas que non viches aínda empeza a sentirse ridículo. Coma cada ano paga a pena botar un ollo tamén ás actividades e proxeccións temáticas paralelas pero, con total sinceridade, a min no me da a vida para abarcalo todo e sempre vou a polos estrenos. Se tedes recomendacións estou facendo o meu calendario de proxeccións e acepto propostas, por favor e gazas.
Vémonos nos cines queridas 💋
Q gusto coñecernos e q gusto a tua newsletter <3